xoves, 18 de decembro de 2014



Traxectoria poética de Xohana Torres

 

Os tres poemarios da autora son moi diferentes porque están escritos durante un longo prazo de tempo. Portanto, asistimos a un proceso de maduración persoal. Toda a súa obra caracterízase pola identificación coa lingua galega e coa identidade galega, así como a súa condición de muller.

En Do Sulco (1957) hai poemas moi variados. Todos eles teñen trazos de existencialismo, que dominaba na literatura da época debido ao contexto social e político opresor da ditadura franquista. É este un poemario de adolescencia, en que a autora tenta buscarse a si mesma, a súa identidade.

Podemos encontrar tamén a importancia de Galiza na súa obra con poemas dedicados a diferentes espazos da xeografía galega como "Pontedeume", "Fisterre" ou "Compostela". Outros temas frecuentes son a amizade, a soidade e o paso do tempo. 

Estacións ao mar (1980) foi publicado tras vinte e tres anos, logo a poesía adolescente muda cara a unha poesía de madurez. Isto provoca que os poemas teñan maior reflexión. Un dos temas máis repetidos é a perda da inocencia, reflectindo ese paso da mocidade á madurez. O mundo real, que encontra a voz poética ao madurar, é un mundo corrupto que nada ten a ver co mundo ideal da adolescencia.

Este poemario está dividido en catro libros: O Tempo e a Terra, O Tempo e a Memoria, Elexías a Lola e Estacións ao mar. O primeiro é unha declaración de fidelidade á patria galega. O segundo está dirixido a relembrar vivencias pasadas, portanto os poemas teñen un alto grao de nostalxia e evocación. O terceiro libro está dedicado á súa avoa Lola, que representa a sabedoría popular e o amor ao galego, así como a muller independente e valente. Na última parte, voltamos ás lembranzas da mocidade. Aparece frecuentemente o espazo de Lorref, que se identifica con Ferrol, onde a poeta viviu a súa adolescencia.

Finalmente, Tempo de ría (1992) pódese considerar o seu mellor poemario, tanto pola elaboración dos poemas, como pola profundidade dos temas tratados. A linguaxe é simple, sen demasiados adornos, e os poemas breves. Os temas máis ocorrentes son a soidade, a perda, o paso do tempo, o carpe diem... Porén, a característica máis salientable deste libro é a importancia do suxeito feminino en todo o poemario, como analizamos na entrada deste blog Tempo de ría. Um poemario de procura da identidade.

En conclusión, a traxectoria poética de Xohana Torres comeza nunha poesía de adolescencia, marcada pola inocencia, mais tamén pola angustia e opresión da época franquista. A súa obra remata cunha poesía de madurez, en que se desprende da inocencia e evoca tempos pasados. Nesta poesía, ten unha gran importancia a proclamación da existencia e liberdade das mulleres, activas e independentes.




mércores, 17 de decembro de 2014



Temos perdido o corazón á sombra.
Nós xa somos o rematado adeus,
os puxigos abertos á tristeza,
fame de algo, de alguén, moura semente
que polo ser apousa.
Hai que deter ao lonxe moita ala,
render vivos designios,
resignarnos
a desmandar os verbos máis amados
como soños que doen.

Todo se torna escuro e o noso páxaro
despegará por ser libre, e cantando.

¿De qué é esta ausencia...?

¿Quen nos pesa, a punto de caer?...

Non é de agora, non. Sempre de par en par
presente está a soidá coma outras veces.
Levan os homes un frío terrible
polos séculos dos séculos.
E se puidesemos asegurarnos
de botar pra fóra
o censo medular de tantos nomes
que nos minan a vida...

Diante da miña casa vén a lúa.
Qué fácil, reclinada e monótona,
a claridade do astro.
Eu digo mornamente:
"A alma laia coma o son do mar".
Todos advertimos as pisadas
dun preciso clamor.
¿Non o recoñecedes?. Enteiro, desquiciado,
algo en nós é o que morre.



Este poema é do libro Estacións ao mar. Neste poemario hai varias temáticas e entre elas a soidade ten unha grande importancia, como vemos nesta composición. Os elementos negativos están moi presentes (a sombra, o adeus, a tristeza, a ausencia, a escuridade...). A propia soidade aparece no verso 16 ("presente está a soidá coma outras veces"). As queixas do eu poético son contínuas e compáraas co son do mar ("A alma laia coma o son do mar").

A voz poética, por un lado, parece estar encerrada e desexar a liberdade ("o noso páxaro despegará por ser libre"). Por outro lado, sente algo extraño no seu interior que ignora o que é. O eu lírico lanza varias preguntas, creando un efecto de diálogo directo co lector que fai que este se sinta dentro do poema.

Na última destas preguntas, no penúltimo verso do poema, a alusión ao lector é directa por mor da utilización da quinta persoa de plural ("¿Non o recoñecedes?"). E, finalmente, a voz poética desvela aquilo que sentía no seu interior, sen saber moi ben o que era. Agora sabe que algo dentro dela está a morrer ("algo en nós é o que morre"). Este "algo" pode facer referencia á propia soidade que provoca como fin último a morte.




ROSALÍA



Ti es pra min a barquiña que lembra
toda presencia de madeiras náufragas
que vive, infinda, unha traxedia líquida
de peiraos sen panos e sen peixes.
                         Sedenta coma un mar
                         e no teu mar, afogada.

Ti es pra min un pobo pequeniño
de vieiros sen cume, sen riadas,
mergullando no seo case morto
unha virxe canción, inimitable
                         Sedenta coma un mar
                         e no teu mar, afogada.

Ti es pra min unha callada piña
de moitas primaveras agardadas
onde xogaron anxos
onde vibraron ás sen movelas.
                         Sedenta coma un mar
                         e no teu mar, afogada.

Ti es pra min a historia da meniña
que ía soñando praias
ata que deu marea a un ben triste mañá.
                         Sedenta coma un mar
                         e no teu mar, afogada.

Ti es pra min o lombo dunha sombra
onde todo resulta preguntado
e o paso das persoas faise lene...
                         Sedenta coma un mar
                         e no teu mar, afogada.

¡Ti es pra min a terra dunha tumba, cumpridamente
                                                limpa de pisadas!...




Esta composición pertence ao poemario Do sulco. Como se pode ver xa no título, está dedicado a Rosalía. Unha das primeiras estratexias do feminino é buscar e resaltar as figuras feministas anteriores. É este o caso deste poema en que Xohana Torres salienta a figura de Rosalía de Castro.

Rosalía de Castro, a gran autora galega do século XIX que defendeu e puxo voz ás mulleres galegas da época. Tamén denunciou a situación das mulleres na sociedade. No seu caso, o feito de ser muller e escritora orixinoulle moitos problemas e menosprezos, até o punto de a crítica dicir que a autoría das súas composicións era do seu marido Manuel Murguía.

Neste poema, os dous versos que se repiten ao longo da composición fan referencia á potencia artística que tiña a autora ("Sedenta coma un mar") e a como se truncou esa capacidade debido á sociedade opresora que a asfixiaba ("e no teu mar, afogada").

A admiración de Xohana Torres por Rosalía reflíctese en todo o poema co verso "Ti es pra min..." que repite ao principio de cada estrofa creando un paralelismo que dota de musicalidade a composición. Alén disto, a autora cualifica a Rosalía como "inimitable" no verso 10. Por último, cómpre destacar no verso 24 ("Ti es pra min o lombo dunha sombra") a alusión á negra sombra de Rosalía, un dos tópicos máis famosos da súa obra.



sábado, 13 de decembro de 2014


ALAS E ONDAS RENDIDAS E NACENDO



Sol maior,
as Illas fronte a fronte.
Sobreviven conformes
ao asalto do océano
e un gran bosque de pinos.

¿Cal é o sentido
deste pulo perpetuo
que a onda nos transmite?

Estar en desbandada,
primitiva conducta
de alguén que queda ceibe.

Liberdade e voo
son a mesma palabra.

Tempo de luz:
un recordo salvaxe,
un grito,
un navío.




Este poema é unha clara reclamación da liberdade para as mulleres, en contraste á situación anterior en que se atopaban nun plano secundario con respecto á posición dominante dos varóns. Esta composición pertence tamén a Tempo de ría.

Os elementos centrais do poema son as alas e as ondas, elementos femininos que gozan de absoluta liberdade. O propio título do poema dá conta da situación das mulleres “rendidas”, é dicir, en posición de submisión. Porén, as mulleres nacen agora, isto é, existen, comezan a súa vida: “nacendo”.

As ondas transmiten un impulso continuo, é dicir, as ansias de liberdade. Este é o sentido que queren comunicar e polo que o eu lírico se pregunta na segunda estrofa.

A seguir, trátase a liberdade das alas dos paxaros. “Estar en desbandada” é o que desexa o eu lírico, isto é, separarse para ser el mesmo sen necesidade de ninguén: “primitiva conducta / de alguén que queda ceibe”.

Na cuarta estrofa, a autora asocia claramente a liberdade con voar: “Liberdade e voo / son a mesma palabra”. Para rematar, na última estrofa, “Tempo de luz” fai referencia á sabedoría, que leva á liberdade.




                           PENÉLOPE 




DECLARA o oráculo:

"Que a banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.

Que ramas de loureiro erguen rapazas.
Que cor malva se decide o acio.

Que acades disas Patrias a vendima.
Que amaine o vento, beberás o viño.

Que sereas sen voz a vela embaten.
Que un sumario de xerfa polos cons”.


Así falou Penélope:

                    “Existe a maxia e pode ser de todos.
                    ¿A que tanto novelo e tanta historia?

                    EU TAMEN NAVEGAR."




Neste poema, reinterprétase o mito de Penélope, esposa de Ulises, que tecía e destecía mentres o esperabaEste mito tradicional estivo caracterizado durante moito tempo por unha visión patriarcal, segundo a cal a esposa espera pacientemente a volta do seu marido. É o máis coñecido da autora e pertence ao poemario Tempo de ría.
  
Xohana Torres enfoca o mito desde unha nova perspectiva, a perspectiva feminista, e concede a Penélope a capacidade de actuar. A personaxe é clara fronte ao oráculo, símbolo de autoridade e veracidade. Non vai esperar como no mito tradicional, senón que vai pasar á acción.   


Dentro da metáfora marítima que caracteriza este poemario, navegar é un elemento metaforizador que significa vivir ou existir. Así, no último verso “EU TAMÉN NAVEGAR”, o eu lírico declara a súa liberdade e o seu dereito a decidir. 

O poema ten unha gran carga simbólica porque supón a rebeldía de Penélope, que decide actuar por ela mesma. O feito de conceder poder de decisión á protagonista deste mito, tradicionalmente patriarcal, supón unha nova imaxe e unha nova concepción dela e, en xeral, da muller.




Tempo de ría

Un poemario de procura da identidade


O tema presente nesta obra é a existencia e a liberdade da muller. Os elementos femininos están absolutamente presentes, desde as voces líricas que son todas femininas até elementos constantes nos poemas como as ondas, as illas, as sereas etc. Alén de nomear personaxes como Penélope ou Venus.

O poemario supón unha viaxe íntima do eu lírico feminino para descubrir a súa identidade. Isto está relacionado coa definición das mulleres, que buscan o seu propio ser, reclamando a súa liberdade.

O mar ten unha grande importancia en toda a obra de Xohana Torres, neste poemario especialmente. Comezando polo seu título e até a paisaxe, que se corresponde coa costa de Vigo, Baiona, as illas Cíes etc. 

O título, Tempo de ría, indícanos xa unha clara reivindicación da existencia do feminino debido ao elemento marítimo da ría. Até o momento, o mar fora moi empregado como elemento poético, mais non desde unha perspectiva feminina. A autora aposta por este punto de vista, e farao utilizando o elemento feminino da ría, contraposto ao mar por ser este un elemento masculino. O sintagma, entón, fai referencia a que é o momento do feminino. En fin, o título é unha metáfora de que chegou a hora de as mulleres tomaren a palabra. 





Sobre Xohana Torres...


Xohana Torres naceu en Santiago de Compostela en 1931.

Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela.

Pertence á Xeración das Festas Minervais ou Xeración dos 50. As Festas Minervais eran un concurso literario en galego organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en que moitos escritores, membros desta xeración, se deron a coñecer. Algúns deles, xunto con Xohana Torres, son Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Méndez Ferrín ou Manuel María.

É poeta, narradora e dramaturga. Destaca pola súa produción poética. Estes son os seus poemarios:
  • Do sulco (1957, Galaxia).
  • Estacións ao mar (1980, Galaxia).
  • Tempo de Ría (1992, Espiral Maior).
  • Ferrol, corazón de navío (2001, A Nosa Terra).
  • Poesía reunida (1957-2001) (2004, PEN Clube de Galicia).

Como narradora só publicou unha novela: Adiós, María (1971, Ediciones Galicia de Buenos Aires).


As obras de teatro publicadas pola autora son:

  • A outra banda do Iberr (1965, Galaxia).
  • Un hotel de primeira sobre o río (1968, Galaxia).


Tamén é autora de dous ensaios, un deles é o discurso que elaborou para a súa entrada na Real Academia Galega:
  • San Andrés de Lonxe, mitos e ritos.
  • Eu tamén navegar (2001, Real Academia Galega).

Por último, os títulos de literatura infantil que publicou a autora son:

  • Polo mar van as sardiñas (1967, Galaxia).
  • Pericles e a balea (1984, La Galera, Barcelona).

Pasou a formar parte da Real Academia Galega no ano 2001.




Aquí tedes varias páxinas web con información sobre a autora onde podedes consultar a súa biografía e a súa obra: